A Casa do Pozo

Situada no pobo de San Pedro Fiz de Vilar, na comarca da Baixa Limia, que recibe o nome do río que a atravesa. O río Limia, foi chamado Lethes polos romanos, que o confundiron co río Lete (o río do esquecemento) do Hades, do que se pensaba que tiña a capacidade de borrar a memoria dos que o cruzaban. Sería no ano 138 a. de C. Cando o xeneral romano Décimo Junio Bruto desfixo o mito que dificultaba as campañas militares na zona. Contase que Décimo Junio Bruto cruzou o río Limia e chamou ós seus soldados desde o outro lado, un a un, polo seu nome. Estes, asombrados de que o seu xeneral recordara os seus nomes, cruzaron tamén o río, pondo fin á súa fama de perigoso. Nas súas veiras construíron o campamento Aquis Querquennis do que se conservan restos na actualidade.

O pobo de Vilar, pertence ó concello de Bande, un dos municipios que configuran a comarca da Baixa Limia, situada ao suroeste da provincia de Ourense. Limita ao oeste, ao sur e ao suroeste con Portugal, ao norte coa comarca da Terra de Celanova e ao este coa comarca da Limia. É imprescindible destacar o carácter transfronteirizo deste territorio.

En Galicia as familias eran coñecidas por un alcume que as identificaba como pertencentes a un clan. Ese nome era como un contrasinal que te identificada e daba unha identidade. A dos meus avós paternos, a dos meus bisavós, a dos meus antepasados ligados a ese lugar é: “os do pozo”. A auga que nace no patio de acceso á casa, e que se estanca nun pequeno pozo empedrado ao nivel do chan, da nome á casa e ós seus habitantes. Nese pozo durante moito tempo saciaron a sede os animais do pobo cando baixaban de pacer no monte, e collían baldes de auga os veciños antes de que chegara “a traída” (a canalización da auga ó pobo e a cada casa). A casa do Pozo é parte da miña identidade.

Décimo Junio Bruto cruzou o río Limia e chamou ós seus soldados desde o outro lado, un a un, polo seu nome

Os labradores, os habitantes do medio rural escribiron na paisaxe, sobre cada suco trazado na terra, sobre as pedras dos lindes, debuxaron unha paisaxe que agora esvaece no abandono e borra a modernidade. A oralidade perdese no vento e o seu eco volvese inaudible. Sabemos moi pouco, ou case nada, dos labradores que habitaron as súas terras e interpretaron os sinais das plantas, das nubes, os cantos dos paxaros… Con este proxeto vinculado á Casa do Pozo, quero restituír un legado. Dar valor a un coñecemento que identifica e define un territorio, aprender do saber que da a observación da natureza e o seu ritmo.
A Casa do Pozo
ha de ser un proxecto relacional que escape da imposición de compartimentos xa experimentados e que a experiencia nos mostra que non permiten unha evolución, nin constrúen un pensamento que permita imaxinar un novo paradigma.

Atender á tradición implica unha participación activa da poboación local nos procesos de creación, para recuperar un saber e un coñecemento en risco de desaparición e que o presente non está a por en valor.

Valorizar a cultura oral, o coñecemento do entorno, a proximidade coa natureza, as especies autóctonas, a paisaxe, as festas populares… Todo un saber herdado que precisa de novos estímulos.

Desde a educación farase especial fincapé na recuperación, valorar o coñecemento popular, mostrar a tradición como parte dunha historia acumulada do home, o pasado como unha certeza.

arte, pensamento, tradición e educación teñen que ir da mao.

A través da expresión artística temos que formular un pensamento que nos permita consolidar e reforzar o coñecemento do entorno, explorar relacións perdidas. Atender e entender a periferia desde a diferencia, tendo en conta outras dimensións do traballo en relación co entorno social e xeográfico.

O feito artístico como proceso que permita afrontar modelos sostibles, xerando interacción e valorando novas formas de relacionarse, tanto entre disciplinas como entre persoas, compartindo coñecementos aparentemente alleos e lonxanos. Fomentar a idiosincrasia do territorio, tendo sempre presente a súa xeografía, historia e realidade económica e social. Así xerminará outro modelo posible de interdisciplinariedade.

as casas, as pedras, os camiños trazados, as ruínas como un vestixio da memoria.

Os proxectos abordaranse desde dúas liñas fundamentais de traballo.

Nun plano estarán proxectos levados a cabo cos habitantes do pobo que son parte fundamental do proxecto. Diría que o proxecto é seu, con eles, so así terá sentido. Este traballo xurde na Casa do Pozo, pero es para o pobo como comunidade. Se existise un fin último, este sería reescribir un patrimonio de saberes e coñecemento que identifica e define ese lugar. É fundamental restaurar o valor que teñen as prácticas rurais e que a modernidade puxo en desuso e silenciou.

Como di Marc Badal “A memoria campesiña era rica e dilatada”, pero “a mirada urbana escribiu a historia. Determinando o relevante e o memorable. Definindo a que nos referimos cando falamos de cultura”. Modificar este punto de vista é necesario e vital, con este proxecto abordamos cuestións como descentralización e territorio. E escribimos o que o tempo ten silenciado.

A segunda vía de traballo será con artistas convidados a se relacionar co entorno. Residirán na Casa do Pozo. A idea é chegar ó lugar para permanecer nel, escoitalo e dialogar co que se encontra, tendo como interlocutor ós habitantes do lugar, integrándose no ritmo vital do pobo.
Os proxectos ten que ver coa identificación, a observación detallada e o encontro directo co pobo na súa totalidade.

O proxecto da Casa do pozo, ten como obxectivo principal restituír un legado. Por en valor o coñecemento que identifica e define un territorio, aprender desde a observación, nun diálogo activo con os habitantes do entorno.

Contacto

Se desexa contactar pode facelo a través do correo electrónico
Scroll al inicio